Friday 03 de May de 2024

O PSOE denuncia ao PP de Trazo ante a Xunta Electoral por uso ilegal do padrón municipal


Candidatos do PP están a visitar domicilios usando o censo de habitantes, onde figuran datos protexidos de todos os veciños de Trazo, como nome e apelidos, dirección e persoas que residen en cada domicilio e data de nacemento

O candidato socialista á Alcaldía, Eugenio Pazos, advirte dunha “grave vulneración da Lei electoral e da Lei de protección de datos”, adianta que “iremos ata o final do asunto” e asegura que “estamos ante as peores prácticas caciquís do PP”

O PSdeG-PSOE presentou esta mañá ante a Xunta Electoral de Santiago unha denuncia contra o Partido Popular de Trazo polo uso do padrón municipal de habitantes por parte desta formación política. Os socialistas de Trazo acompañan a denuncia con documentos gráficos nos que se evidencia que o candidato número 3 do PP en Trazo está a realizar visitas á veciñanza do concello levando á vista no parabrisas do seu coche particular o padrón municipal de habitantes, onde figuran datos protexidos de todos os veciños de Trazo como nome e apelidos, dirección e persoas que residen en cada domicilio e data de nacemento.

“Non pode ser que os candidatos do PP anden visitando as casas co censo na man, é un asunto moi grave e unha clara vulneración da Lei electoral e da Lei de protección de datos”, afirma o candidato socialista á Alcaldía de Trazo, Eugenio Pazos, quen advirte de que “iremos ata o final do asunto para saber de onde saíron estes censos, canto tempo leva empregando o PP o padrón de habitantes de Trazo e con que finalidade”.

Pazos asegura que “estamos ante as peores prácticas caciquís do PP” e avisa de que “non imos a consentir que se pretenda controlar á veciñanza nin condicionar o seu voto”. “Din un paso ao fronte para cambiar Trazo e para defender os intereses de todos os veciños e iso é o que vou facer, en primeiro lugar garantindo que podan votar en absoluta liberdade”, conclúe Eugenio Pazos.